Buscador

O Mugart segue a pegada do artista catalán Lluís Pessa nunha mostra integrada por 30 obras
Whatsapp: O Mugart segue a pegada do artista catalán Lluís Pessa nunha mostra integrada por 30 obras

O Museo do Gravado de Artes continúa celebrando o seu 25 aniversario e impulsando cultura a nivel internacional dende o rural coa apertura da exposición A pegada de Lluís Pessa. No transcurso do acto, o primeiro tenente de alcalde de Ribeira, Vicente Mariño, puxo en valor o papel da institución museística "como faro vivo para a custodia, o estudo e a proxección internacional do patrimonio gráfico contemporáneo."

Esta nova mostra atópase conformada por un conxunto de 30 pezas, correspondentes ao período de 1958 a 2001, do artista catalán Lluís Pessa, que foron doadas pola súa filla, Lydia Pesarrodona; unha obra na que o oficio de gravador convive co de pintor. Pessa incorporou á estampa as preocupacións históricas, literarias e científicas do seu tempo como se pode constatar en Ovella Dolly, primeira clonación. Nesta escolma, coexisten o retrato; as paisaxes e as formas; e a experimentación, a cor e a conceptualización.

"Un artista que máis alá de gravar sobre metal, papel e pedra, gravou o seu talento na nosa memoria colectiva. Se este Museo xa conta cuns fondos incomparables, agora enriquécese notablemente con este tesouro gráfico para que a pegada de Pessa permaneza viva e inspire novas investigacións", manifestou Mariño.

Tamén interveu a filla do artista a través dunha carta lida polo director do Mugart, Xoán Pastor Rodríguez.

Esta exposición permanecerá ata o 23 de decembro na sala 2 do Mugart e a próxima cita, como xa avanzou o edil, será no mes de novembro por partida dobre: unha mostra de litogravado resultado de tres obradoiros impartidos no Museo e a inauguración da ampliación do taller, que contará con maiores dimensións e posibilita a incorporación dun tórculo grande. En consecuencia, poderanse impartir cursos de gravado mural, converténdose na institución museística de España en dar clases desta disciplina.