Buscador

María Sampedro destaca a homenaxe ás vítimas do coronavirus como un exemplo de solidariedade
Whatsapp: María Sampedro destaca a homenaxe ás vítimas do coronavirus como un exemplo de solidariedade

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou onte na homenaxe ás vítimas da COVID-19 que cada ano promove a Asociación Amas de Casa como mostra de recordo ás persoas falecidas e de agarimo ás súas familias.

O acto desenvolveuse, como xa é costume, no monumento erixido na praza de España, durante o cal se gardou un minuto de silencio e se fixo a ofrenda floral.

"Non esquecemos a quen se foi a causa da pandemia. Vivimos momentos moi duros vendo como aumentaban os contaxios e os falecidos. Pero non eran cifras. Eran persoas, con nome, apelidos, unha vida que se truncaba de maneira inesperada e familias e amizades que quedaban rotas. Moitas veces, sen posibilidade de despedirse e en soidade. Por iso é de salientar este acto que, ano tras ano, impulsa esta entidade para lembrar a quen, por desgraza, xa non está con nós", en palabras da rexedora.