null Ribeira avanza na execución do plan “Ribeira Atlántica 2030” tras a súa participación no XII Pleno da Rede de Iniciativas Urbanas
Ribeira avanza na execución do plan “Ribeira Atlántica 2030” tras a súa participación no XII Pleno da Rede de Iniciativas Urbanas
Whatsapp: Ribeira avanza na execución do plan “Ribeira Atlántica 2030” tras a súa participación no XII Pleno da Rede de Iniciativas Urbanas

O Concello de Ribeira participou no XII Pleno da Rede de Iniciativas Urbanas (RIU), un encontro organizado polo Ministerio de Facenda centrado no desenvolvemento dos Plans de Actuación Integrada (PAI-EDIL) e no impulso das axendas urbanas como ferramenta clave para a transformación sostible dos municipios.

O plenario marcou o arranque técnico e operativo dunha nova etapa de planificación urbana integrada, orientada á xestión eficaz dos fondos europeos e ao cumprimento dos fitos e obrigas asociados a estes instrumentos. Durante a xornada abordáronse cuestións fundamentais como os sistemas de gobernanza, a planificación financeira, os mecanismos de seguimento e control e as esixencias en materia de comunicación e visibilidade dos fondos europeos.

A presenza do Concello de Ribeira adquire especial relevancia tras a aprobación definitiva do plan EDIL “Ribeira Atlántica 2030”, unha estratexia que mobilizará un investimento inicial de 11 millóns de euros destinados á rexeneración dun barrio necesitado dunha intervención integral.

Cómpre lembrar que esta estratexia e as actuacións asociadas a ela son froito do proceso de planificación estratéxica desenvolvido polo Concello a través da Axenda Urbana de Ribeira, elaborada no ano 2022 mediante un proceso de participación cidadá e diálogo cos distintos axentes sociais e institucionais.

O primeiro fito deste plan xa foi cumprido coa adquisición da conserveira Cerqueira, aprobada polo Pleno da Corporación o pasado 23 de febreiro e materializada con firma ante notario da mesma este 4 de marzo. Esta actuación, xa prevista no marco da Axenda Urbana, permitirá poñer en valor tanto o edificio como o seu entorno, comprendido entre a Residencia da Terceira Idade e o parque Pedra Pateira, configurando un novo espazo de oportunidade para o desenvolvemento urbano sostible.

Con esta participación no XII Pleno da RIU, o Concello consolida a súa posición como entidade tractora na xestión de fondos europeos, xa que xestionou con éxito os dous FEDER anteriores “Ribeira Atlántica 2015”, cun investimento de 7,2 millóns de euros, e “Máis Ribeira Atlántica 2020”, cun investimento de 6,25 millóns de euros, e avanza na implementación dunhas estratexias deseñadas na Axenda Urbana, froito da participación cidadá, que perseguen mellorar a calidade de vida da cidadanía, reforzar os servizos públicos e promover un desenvolvemento territorial equilibrado.