
O Concello de Ribeira adiantou a onte, venres 6, a celebración do acto institucional polo Día Internacional da Muller que, neste 2026, pon o foco ás ribeirenses que destacan no ámbito deportivo. Un total de 32 mulleres foron homenaxeadas polo seu traballo e traxectoria no mundo do deporte, das que houbo presenza en múltiples disciplinas: kempo/kárate, remo, fútbol, padel, atletismo, patinaxe, vela, natación, pilates, baloncesto, wellness, surf, taekwondo e monitoras da Fieteira. Susú Cores Ces, Clara Millares Sieira, Elena Rey Martínez ou María Vilas Vidal foron algunhas das distinguidas pola súa traxectoria.
No acto tomaron a palabra a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e a concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, ademais de contar como convidada a toda unha referente no atletismo: Ana Peleteiro.

"Hoxe tivemos a oportunidade de visibilizar a unha representación local das mulleres no deporte con traxectorias e experiencias que nos falan de esforzo, de constancia e de superación. Algunhas o facedes de forma individual, pero outras tendes o orgullo de representar a vosa equipo", en palabras da rexedora. Tamén se referiu ao compromiso do Concello de Ribeira coa igualdade, pois "seguiremos apoiando iniciativas que promovan a igualdade e que contribúan a visibilizar o papel das mulleres en todos os ámbitos da vida social. Porque avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria tamén significa recoñecer e poñer en valor ás persoas que, co seu exemplo, axudan a abrir camiños."

Doutra banda, a edil manifestou que "o acto que hoxe nos reúne aquí ten un obxectivo moi claro: poñer en valor ás mulleres no deporte e recoñecer publicamente o seu esforzo, a súa dedicación e a súa traxectoria. Durante moitos anos, o deporte foi un espazo no que as mulleres tiveron menos visibilidade, menos oportunidades e moitas máis dificultades para chegar aos mesmos lugares que os homes. Tiveron que demostrar máis, esforzarse máis e loitar máis para que o seu traballo fose recoñecido. Afortunadamente, hoxe sabemos que as cousas están cambiando."

As homenaxeadas recibiron cadanseu diploma e obsequio para deixar para a lembranza tan simbólico día, o cal contou co acompañamento musical de Esperanza Mara.

