
O autor ribeirense Antonio Piñeiro e a amesá Mariña Pérez Rei fixeron entrega ao Concello de Ribeira da súa obra conxunta Estaleiro; resultado do intercambio de vieiros e pareceres no transcurso da súa realización, paso a paso. Trátase dun libro de artista, elaborado enteiramente á man; unha edición limitada que implica a intervención autorial directa. O traballo desenvolveuse no marco do Espazo Cultural do Liceo Marítimo de Ribeira. Estaleiro é xa a cuarta obra que se presenta neste sentido, tras os títulos precedentes de Os acios tardegos, Mansío e Inzo.
A concelleira de Cultura, Ana Barreiro, asistiu á recepción deste exemplar que se porá, primeiramente, no apartado de novidades da biblioteca municipal.

Unha obra orixinal no fondo e na forma
O papel sobre o que se deseñaron as capas, todas diferentes, procede de material decorativo recuperado de restos dos anos setenta. Tamén o fío de liño co que foi encadernado cada exemplar, de xeito artesanal, deriva de excedentes dunha partida vella, sen poder determinas a data exacta.

Así mesmo, os matices de acuarela das partes plásticas individualizan cada páxina orixinal, dada a súa aplicación previa ao estampado da tinta no tórculo.
Todo isto constata a existencia dun compoñente de reciclaxe artística en cada libro, incorporando fragmentos de obra retomada.