null O goberno de Ribeira avanza na revitalización de Cerqueira coa licitación da musealización da edificación anexa
O goberno de Ribeira avanza na revitalización de Cerqueira coa licitación da musealización da edificación anexa
Whatsapp: O goberno de Ribeira avanza na revitalización de Cerqueira coa licitación da musealización da edificación anexa

A revitalización do barrio de Bandourrío poñendo o foco sobre Cerqueira dá máis pasos cara a súa materialización despois de que o Concello de Ribeira sacase a licitación a musealización da edificación anexa.

Preservando este ben patrimonial, o proxecto contempla a conversión do inmoble industrial nun equipamento cultural visitable, sen perder o seu carácter marítimo e, en particular, coa industria conserveira que seguiu á actividade da salgadura. Así, a musealización terá como fío argumental dita actividade do pasado. A planta baixa servirá como recepción común da parte expositiva e de acceso á nave, mentres que na primeira planta se fará máis fincapé nese vínculo coa propia fábrica a través dos ocos xa existentes.

Trátase, polo tanto, dunha proposta que equilibra a conservación, a historia a transmitir aos visitantes e a experiencia. O prazo de execución das obras será de 10 meses.

O orzamento da licitación é de 511.355,05 euros, IVE incluído, cofinanciado nun 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro da estratexia de desenvolvemento integrado local (Plan EDIL) PAI Ribeira Atlántica 2030. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata as 23.59 horas do 3 de novembro a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).