Ribeira presenta un Maio Cultural cheo de propostas diversas
Whatsapp: Ribeira presenta un Maio Cultural cheo de propostas diversas

Mercedes Peón presentará o venres 16 o seu espectáculo “Ingrávida” no Auditorio Municipal

Ribeira, 30 de maio de 2025 — Hoxe rematando abril convocouse esta rolda de prensa para presentar o programa do Maio Cultural 2025, que organiza a Concellería de Cultura de Ribeira en colaboración coas áreas de Educación e Normalización Lingüística. Na presentación estiveron presentes, Antía Alberte, concelleira de Cultura e Cruz Rivadulla, concelleira de Educación.

Como é habitual vólvese a apostar por organizar unha completa programación con distintas actividades vencelladas á promoción da lingua galega e á difusión e posta en valor da nosa cultura. 

O programa inclúe contacontos, concertos, conferencias, roteiros musicais, exposicións e tamén actividades do tecido asociativo co que sempre colaboramos e contamos para enriquecer as programacións. As propostas serán abertas a toda a cidadanía, con especial protagonismo na poboación infantil, e desenvolveranse en distintos espazos como o Auditorio Municipal, o Centro Cultural Lustres Rivas ou accións na rúa.

Antía anunciou que xa en marcha e convocada a 33 edición do concurso escolar das Letras Galegas no que poden participar todos os escolares de primaria dos centros educativos do municipio nas categorías de poesía, prosa e banda deseñada e que ten o prazo aberto para a presentación de obras ata o 19 de maio. "Animamos a todos os colexios e alumnado a participar neste certame que xa é tradición”. 

O día 30 inaugurarase no CC Lustres Rivas ás 20.00 horas, a nova exposición que estará no Centro Cultural Lustres Rivas durante todo o mes de maio. É unha mostra colectiva dos artistas Xesús Vázquez e Carmen Prado que contará cunha trintena de lenzos. 

A programación deste Maio Cultural arranca con forza nesta primeira fin de semana xa que  o día 2, este mesmo venres, teremos unha presentación literaria no Centro Cultural  que organiza a A.C. Altofalante e que nos achegará a obra “Liberdade para o galego” de Marcos Maceira e Elsa Quintas. 

Ao día seguinte, sábado 3 haberá unha sesión de contacontos para as familias (das que dará conta a compañeira Cruz Rivadulla). Ese mesmo día pola tarde contaremos tamén cun coloquio e proxección do documental “Dorothé na vila”. 

 

O domingo celebraremos o día internacional da danza coa Asoc. Cultural Taller Alecrín que nos traerá unha mostra de linedance e baile social ao paseo do Malecón ás seis da tarde.

Na seguinte fin de semana, o venres 9 e sábado 10, teremos en Artes o Bruón Folk Fest que xa se presentou hai uns días e o domingo 11 de maio o novo auditorio municipal acollerá o monólogo titulado “Chungo” de Luis Zahera

O día 15, xoves, organizaremos como non podía ser doutro xeito, un acto solemne en lembranza do noso fillo predilecto Manuel Ayaso,  a partir das sete da tarde na Praza do Concello. E esa mesma xornada tamén contaremos co concerto das Letras Galegas que protagoniza a Coral Municipal e a Coral do Mercantil, que será ás oito e media no auditorio municipal. 

Ao día seguinte, venres 16 de maio, e xa na véspera do festivo das letras galegas, teremos un gran concerto no auditorio. Apostamos este ano pola música galega de Mercedes Peón, que a partir das nove e cuarto, ofrecerá o seu concerto “Ingrávida”, no que haberá unhas vinte persoas no escenario. As entradas venderanse a través de Ataquilla.com e de forma presencial na OAC da Casa do Concello nas próximas datas e a un prezo de 2,50 € (máis gastos de xestión) cun máximo de 4 entradas por persoa. 

O 17 de maio, día das letras galegas, teremos a actuación de Bailadela e das Sete Linguas da Asoc. Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño a partir do mediodía na praza de Porta do Sol, e tamén unha ruada de música tradicional a cargo da agrupación Tahume de Olveira dende o parque García Bayón ata a praza de Teruel. E xa pola tarde, a partir das catro e media, a Asoc. Francisco Lorenzo Mariño organiza en Aguiño a súa habitual “Xornada das letras” con inchables, música, xornada de debuxo infantil con agasallos e a actuación de circo de rúa e malabares de Kote Malabar. 

O domingo 18, tamén en Aguiño, a Rondalla organizará na aula de música un concerto das letras galegas. 

O venres 23 de maio, no auditorio, procederemos á entrega dos premios do Concurso escolar das letras galegas no que ademais de agasallar lotes de libros aos premiados e premiadas os convidaremos, coas súas aulas, a ver o espectáculo teatral sobre Castelao, de Culturactiva

O sábado 24 a música volverá a ser a protagonista coas Roteiras Cantareiras, na que actuarán as Garridiñas de Castiñeiras e as Sivalveiras de Corrubedo da Asoc. Amas de Casa  que estarán en Artes e Oleiros pola tarde a partir das sete. E por outra banda en Carreira, no novo centro social, haberá un concerto de Lau Panicanela ás nove. 

Xa na última semana do mes, serán as pandeireteiras de Tahume as que visiten a parroquia de Castiñeiras e Carreira a partir das sete. Esa semana tamén teremos a 25 edición da mostra de teatro infantil “Daniel Gómez Ramil” da que faremos unha presentación específica. 


Por outra banda Cruz Rivadulla presentou tódalas actividades vinculadas coa  Educación, Normalización Lingüística e a Biblioteca Municipal:

ESCOLAR:

Intercambio educativo Eixo Atlántico 2025

Datas de Felgueiras en Ribeira: 5 e 6 de maio de 2025

O alumando da comunidade de maiores e profesorado do CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño recibirá co seu profesorado e a técnica do SNL de Ribeira en Ribeira o alumnado do concello de Felgueiras no norte de Portugal para o intercambio co 5º curso do Agrupamento D. Manuel Faria e Sousa.

 

PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES: 

“A conto delas”. Cris de Caldas. Ler Conta Moito 2025

Espectáculo de narración oral para nenos e nenas coas súa familias a partir de 3 anos.

Data: 03/05/2025

Hora: 12.00 h

Lugar: Centro Cultural Lustres Rivas

Inscricións: normalizacion@ribeira.gal

Entre risas e xiros inesperados, aparecen nenas, mulleres e vellas soas, por elección propia ou apartadas por non seguiren o camiño deseñado por outros. Elas contan con enxeño e moita retranca, ferramentas para seren protagonistas de "pequenas" fazañas que axudan a que todas camiñemos pola vía da xustiza e da igualdade. Historias de vida, de tradición oral e contos de autor son eixes desta proposta.

 

Conferencia: Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso.

Xosé Ramón Fandiño

Data: 08/05/2025

Hora: 20.00 h

Lugar: Museo do Gravado de Artes

Haberá transporte gratuíto desde Ribeira. Saída: 19.00 h. Regreso: 21.00 h

Reservas para o autobús: normalizacion@ribeira.gal

A amizade e traballo en común de Fandiño con Díaz Pardo dan pé a esta interesante viaxe pola biografía do intelectual homenaxeado no Día das Artes Galegas 2025.

 

“A biblioteca ideal”. Náufragos teatro. Ler Conta Moito 2025

Obradoiro para nenos e nenas coas súa familias a partir de 3 anos.

Data: 24/05/2025

Hora: 12.00 h

Lugar: Centro Cultural Lustres Rivas

É imprescindible reservar praza para participar: normalizacion@ribeira.gal

Pensa como sería para ti unha biblioteca ideal. Que actividades tería? Sería unha biblioteca espacial? Unha biblioteca ao aire libre? Ou mellor unha feita de papel? Todo o que ti imaxines quedará plasmado nun marabilloso libro que elaboraremos entre todas as persoas participantes e, quen sabe, quizais será posible facer realidade algunha das cousas que imaxinemos.

 

“Como montar a túa banda de verán”. Xoán Curiel. Ler Conta Moito 2025

Obradoiro para nenos e nenas coas súa familias a partir de 3 anos.

Data: 31/05/2025

Hora: 12.00 h

Lugar: Centro Cultural Lustres Rivas

Inscricións: normalizacion@ribeira.gal

A partir dunha narración inicial, Xoán conta cómo foi que comezou a súa vida coa música. O espectáculo vaise transformando nun concerto onde canta cancións dos seus libro-discos infantís. Un conto-concerto divertido e tamén didáctico con participación do público.


FORMACIÓN Maiores de 50 anos:

Seminario IV Ciclo USC. “Introdución teolóxica ao tema relixioso”

Andrés Torres Queiruga

Datas: 5, 12 e 19 de maio de 2025

Horario: 10:30-12:30 h

Lugar: Centro Cultural Lustres Rivas

Matrícula e información no teléfono: 881 814 58

Camiños de Coñecemento e Experiencia. IV Ciclo USC

Datas: xoves, 8 e 15 de maio de 2025 

Horario: 16:30-18:00 h

Lugar: Centro Cultural Lustres Rivas

A relevancia, a diversidade e a riqueza do patrimonio cultural inmaterial galego: unha aproximación á Historia da Música Galega e aos instrumentos de percusión.

María González Blanco, docente da Facultade de Ciencias da Educación e colaboradora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo e Lusine Grigoryan Zohrabyan, colaboradora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo.


 

Documentos
Por favor, configura este portlet para facelo visible a todos os usuarios.